A Asociación Veciñal “San Xurxo” de Saiáns, goza dunha ampla traxectoria dende que foi constituída en febreiro de 1978. Dende un principio, xa nos seus comezos quixeron reflectir na súa acta de constitución que está baseada nos principios de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político nunha época na que estas palabras eran aínda de difícil aceptación.
Botando a vista atrás lembramos a loita
por conseguir que os terreos da Radio Costeira fosen cedidos como espazo público nos que se puido asentar a Casa Vieira que está a punto de inaugurarse como Centro Cívico C.A.M Saiáns para o
orgullo, ledicia e servizo de toda a comunidade.
A asociación puxo en marcha a recuperación dos montes para que fosen de man común e nos que agora existe un marabilloso parque
forestal para goce de todos e todas. Involucrouse ademais en crear unha Comunidade de Augas e en traer a auga e o saneamento a Saiáns.
O traballo da Asociación non se detén nas infraestruturas e abarca outros moitos servizos que definen a calidade de vida na
parroquia: dende conseguir liñas de transporte axeitadas ata servir de axuda e asesoramento ás familias máis desfavorecidas. Calidade de vida que tamén se obtén dende a convivencia na parroquia
para o que a asociación organiza numerosos eventos ao longo do ano como o San Xoán, Magosto, Festa da Amizade o Día do Libro e a Festa de Reis así como deriva de diversas actividades que veñen a
enriquecer o coñecemento e formación das xentes con cursos, charlas, exposicións e saídas.